Non somos nada chico… Por un golpe da vida (nunca mellor dito xa que foi a causa dun accidente que case me custa a vida) tiven que cambiar de coche. Pasei dunha Scenic a un Megane. Sempre con Renault, que me ofrece un plus de seguridade e confianza, non me preguntedes por que. Dunha monovolumen a un coche de liña deportiva (merqueino de tres portas). Do branco ó negro. De 6 marchas a 7. De 90 cv a 105. De chave a tarxeta…

Foi este cambio, o da chave pola tarxeta un dos que máis dúbidas espertaba en min. Como sería iso de prende-lo coche metendo unha traxeta nunha fenda e dándolle a un botón? Pois práctico. Moita comodidade aportou á miña vida este troco. A tarxeta anda no peto, pelexándose co PenDrive por un oco no lugar. Un dos dous sobra nesta vila anano… Agora xa non se me espeta a chave na perna cando me sento. Ata creo que é máis cómoda a tarxetiña cás chaves que esconden a parte metálica premendo un botón.
Pero Renault, creo que sen querelo, está a iniciar a decadencia dunha especie endóxena das tabernas galegas. O tío macho acobadado. Sitúovos. Taberna perdida na esquina máis esquinada da máis pequena vila do interior de Lugo. Entra un paisano. Biseira de Piensos Biona. Chaleque verde de cazador. Escarvadentes nun lado da boca e do outro unha cabicha apagada. Acobdado na barra, saca a chave do R18 e mentres pide un quinto de cervexa furga na orella coa punta da devandita chaviña.
Dende aquí e dende agora propoño a este especimen para engorda-la listaxe de especies protexidas. Que vai ser de nós se este fulano merca un Renault? Desaparecería como membro da especie. Unha vez máis o progreso e as novas tecnoloxías poñen en perigo o tradicional.
Nunca estiven mais dacordo contigo macho